Wednesday 15 de May de 2024

O Concello da Pobra reclama a Medio Rural axiliza-la reposición dos peches gandeiros


Os incendios do mes de agosto causaron diversos danos en municipios como A Pobra do Caramiñal. A Consellaría do Medio Rural adquiriu unha serie de compromisos cos concellos afectados, entre eles, o subministro do material necesario para a reposición dos peches gandeiros. O alcalde, Xose Lois Piñeiro (Nós Pobra), esgrime que existe un retraso na achega do mesmo por parte da Administración autonómica. Os gandeiros e gandeiras están asumindo de xeito voluntario o traballo de reposición dos peches, pois aínda que é do seu interese particular, son as administracións da Xunta e do Estado as responsables de poñer os medios para paliar as consecuencias dos incendios. O Concello da Pobra do Caramiñal está colaborando mediante a contratación da maquinaria necesaria para a correcta instalación dos novos valados. Pero xa fai tempo que se esgotou o material enviado dende Medio Rural, cando xa a primeira entrega chegou tarde.

A situación de risco para a circulación de vehículos é moi preocupante, pois o gando chega a vías de comunicación como a AC-302, onde, segundo o mandatario local, existe unha gran densidade de tráfico, sendo unha estrada na que se permiten velocidades elevadas. Tamén preocupa as proximidades do acceso á AG-11. De feito, xa apareceron dúas cabezas de gando no núcleo da Tomada, a 500 metros da rotonda do polígono industrial e aproximadamente a 1 quilómetro da propia autovía.

Na zona de Posmarcos tamén se está dando este problema, en vías de circulación secundarias. Pero, sen embargo, si se están a producir danos causados polo gando en zonas cultivadas, provocando un profundo malestar na veciñanza.

Ante esta situación o rexedor pobrense reclama a resolución deste problema. “Non podemos agardar máis”, insiste, especialmente agora no inverno que o gando tende a dirixirse ás zonas máis baixas fuxindo do mal tempo do alto da serra. Tamén fai extensible esta petición para a actuación nos termos municipais limítrofes, pois, se ben o voluntariado posibilita a intervención estea case completada na área de influencia de Lesón e considerablemente avanzada en Posmarcos, os animais saen polas lindes dos concellos e achéganse ata a vila.

O rexedor indica que se a Administración autonómica non cumpre co acordado será o Concello quen subministre o material, pero, asegura, que dende o goberno municipal non se vai permitir por máis tempo esta situación de risco. Aínda que a solución ten que darse en tódolos concellos afectados, do contrario serán inútiles os esforzos dun único municipio.